O que comezou como unha solución para obter ingresos adicionais converteuse nun auténtico calvario para unha muller en Barbadás. Hai dous anos, decidiu alugar a súa vivenda na avenida de Celanova ante a necesidade de mudarse por motivos laborais. A súa intención era obter un ingreso mensual que a axudase, pero a situación derivou na ocupación ilegal do inmoble.
O acordo inicial co fillo dun veciño, que manifestou interese en alugar e posteriormente comprar o piso por 115.000 euros (un prezo inferior ao de mercado), non se materializou como esperaba. A propietaria, que prefire manterse no anonimato, descubriu que a documentación non se completou correctamente e que ela seguía pagando os gastos de luz, auga e comunidade durante un ano sen decatarse.
Ante a falta de pago do aluguer e a insistencia do inquilino en non formalizar a compra, a propietaria decidiu pedir a devolución das chaves. A súa sorpresa foi atoparse cunha parella dentro do piso, que afirmaba que llo alugara un home. A pesar das súas explicacións e da intención de vender, o morador negouse a marchar, alegando un contrato.
Agora mesmo sería máis vulnerable a propietaria ca eles.
A situación legal prevese longa, polo que a propietaria acudiu a Desokupa Galicia. "A miña situación persoal non é a mellor e necesito que saian do piso porque preciso vendelo", asegura, engadindo que a persoa á que lle alugou inicialmente non lle pagou unha cantidade importante.
Dende Desokupa Galicia explican que os inquilinos chegaron a pedir 10.000 euros e ameazaron con invocar a súa condición de vulnerables con dous nenos para permanecer no piso durante polo menos 24 meses se o proceso ía por vía xudicial. A empresa tamén lles ofreceu unha alternativa de vivenda, pagando fianza e primeiro mes, pero rexeitaron a oferta.
Segundo os documentos que lles mostraron os inquilinos, estes estarían pagando o aluguer ao arrendatario inicial, aínda que dende Desokupa Galicia dubidan da súa autenticidade. Engaden que o inquilino actual leva un alto nivel de vida, xa que "desaiuna, come e ceara fóra todos os días", polo que conclúen que "agora mesmo sería máis vulnerable a propietaria ca eles".




