A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, propietaria destes Bens de Interese Cultural, financia estas actuacións que abranguen máis de 11.000 metros cadrados.
As intervencións céntranse nas torres do Castro e de Firbeda, nos municipios de Sandiás e Porqueira, respectivamente, e no Castelo da Pena, en Xinzo de Limia.
Estas tarefas forman parte do Plan de actuacións arqueolóxicas 2026 do Goberno galego, que destina preto de 700.000€ a 38 xacementos en toda Galicia, sete deles na provincia de Ourense cun orzamento superior a 150.000€.
Na Torre do Castro, a limpeza afecta uns 6.500 metros cadrados para facilitar o acceso. Na de Firbeda, a intervención céntrase en 2.600 metros cadrados, incluíndo a vexetación na base e nos límites con propiedades veciñais.
No caso do Castelo da Pena, os traballos realízanse en 3.000 metros cadrados baixo control arqueolóxico, eliminando vexetación, pequenas árbores e pólas secas que dificultan o tránsito e cobren a muralla.




