As obras de mantemento e mellora nos viadutos da Moura, A Fraga e A Mó na autovía do Morrazo (AG-46) farán necesarios desvíos de tráfico a partir deste martes, 1 de setembro. Estas actuacións obrigan a levar a cabo o desvío da circulación pola calzada contraria, habilitando un carril por sentido para garantir a seguridade dos usuarios e do persoal das obras.
As intervencións comezarán no viaduto da Mó, onde os vehículos serán desviados á calzada esquerda entre os puntos quilométricos 5+800 e 7+000. Neste tramo, ambos os sentidos de circulación convivirán na mesma calzada. Unha vez superada a zona de obra, o tráfico volverá á calzada dereita no punto quilométrico 7+000.
Como consecuencia desta configuración provisional, a saída 7 (Meira) permanecerá pechada para os vehículos que circulen en sentido Cangas procedentes de Rande. Como itinerario alternativo, os usuarios deberán continuar ata a saída 9 (PO-313), onde poderán realizar un cambio de sentido para regresar pola AG-46 en dirección Rande e acceder posteriormente a Meira a través da saída 7.
Durante as vindeiras semanas levaranse a cabo os correspondentes desvíos, segundo se vaia actuando en cada un dos tres viadutos.
Esta intervención na autovía do Morrazo forma parte dun plan específico da Xunta de inspeccións e conservación de viadutos e pontes, dotado con 13M€ ata 2029, que inclúe 17 actuacións planificadas para este ano coa finalidade de reforzar a conservación preventiva e a reparación destas infraestruturas.




