A primeira sentenza, emitida polo Tribunal de Instancia, condena á administración local a abonar 5.141,61 euros, máis os intereses correspondentes, a unha residente que sufriu lesións tras unha caída na Rúa Mercado de A Ponte. O fallo establece a responsabilidade do Concello na conservación das beirarrúas, aínda que reduce a indemnización ao 30% do total reclamado inicialmente pola afectada.
O xuíz atribúe o 70% da culpa á propia afectada, ao considerar probado que coñecía o mal estado do pavimento e non avisou ao Concello para a súa reparación.
Por outra banda, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou un recurso presentado polo Concello e confirmou que debe compensar a unha empregada municipal. A sentenza ratifica que a traballadora, quen exercía como xefa do Negociado de Comercio, desempeñou de forma continuada funcións de categoría superior ás que lle correspondían entre os anos 2015 e 2023.
O fallo do TSXG baséase en testemuños que demostran que a empregada realizaba as tarefas esenciais do posto de maior categoría. Como resultado, o Concello deberá facer fronte ao pago das diferenzas salariais e das pagas extras desde outubro de 2019 ata agosto de 2023.




