A organización do chamado "tardeo" de San Xoán no xardín das Burgas, en Ourense, insiste en seguir adiante coa súa celebración malia as críticas e as declaracións procedentes de diversos sectores e partidos políticos. Un dos integrantes do grupo de hostaleiros, que xa anunciara que "se vai liar parda", manifestou a través das redes sociais que "non deberiamos estar politizando un evento que nace da ilusión e o traballo de xente nova". A intención é xuntar a mil persoas no Xardín das Burgas, un espazo declarado Ben de Interese Cultural (BIC) que podería verse afectado polo impacto dunha festa despois de varios anos pechado e sen actividade.
Prométese un "ambiente festivalero, iluminación envolvente, barras de distribución e zonas de descanso". O organizador tamén sinalou que "o respecto ao patrimonio é absoluto. Todos os restos arqueolóxicos estarán perfectamente delimitados e protexidos", aínda que non se especificou como se levará a cabo dita protección nun evento con estas características. Ademais, alertouse desde distintas partes da falta dun plan que estea en mans da Policía Local ou dos bombeiros.
O mesmo organizador tamén declarou que "nunca formou parte do proxecto nin estiveron sobre a mesa" certas cuestións, unha afirmación que contrasta co anuncio inicial de que "cando caia a noite, o recinto das Burgas iluminarase cun espectáculo de fogos artificiais". Este reclamo xa non figura no portal de venda de entradas, onde aínda se ofrecen pases a 12 e 14 euros, incluíndo consumicións, e onde se espera a asistencia de mil persoas.
En ningún momento os organizadores especificaron quen lles concedeu a autorización para ocupar este recinto para a celebración da festa, e a venda de entradas continúa sen que as autoridades o impidan.




