A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia aprobou unha modificación legal para abordar a crítica escaseza de persoal médico nas Urxencias do CHUO. A situación actual, con só 25 das 50 prazas estruturais cubertas, obriga a recorrer a contratos temporais e ao esforzo adicional dos profesionais existentes.
A dificultade para atopar profesionais é tal que, neste mesmo mes, o Sergas realizou chamamentos para seis vacantes, das cales só unha foi aceptada, quedando as cinco restantes desertas. A nova medida permitirá ofertar estas prazas mediante un sistema de concurso de méritos, sen necesidade de oposición, e con puntos extra para quen traballe en Ourense.
Esta iniciativa equipara as Urxencias do CHUO a outros destinos sanitarios xa considerados de difícil cobertura en Galicia, como os hospitais de Verín, O Barco de Valdeorras, Monforte de Lemos, A Mariña, O Barbanza, Cee ou O Salnés.
“"Desde hai anos, levamos solicitando un plan de continxencia a longo prazo. Nesta altura, a problemática foise incrementando ata facerse crítica."
A presidenta do Colexio Oficial de Médicos de Ourense, Pilar Garzón, valorou positivamente a medida, aínda que subliñou que a problemática é de longa data e urxe un plan a futuro para facer atractivo o servizo e garantir profesionais suficientes ante a sobrecarga continuada.
A crise de persoal no servizo de Urxencias do CHUO é unha constante. A coordinadora de Urxencias, Beatriz Martínez, xa reclamara medidas específicas para Ourense o pasado maio, desmarcando do comunicado xeral da maioría de responsables galegos. As baixas, permisos ou xubilacións tampouco se están a poder cubrir polas listas de contratación habituais.
Ademais, a iniciativa inclúe melloras laborais e salariais para os médicos de Urxencias de toda Galicia, cunha suba de dous euros por hora na xornada complementaria dende xullo, con efectos retroactivos dende abril. A Consellería de Sanidade estima unha mellora retributiva media de 3.560 euros anuais por facultativo.




