O sindicato esixe unha reunión "urxente e inmediata" con "todos os responsables implicados" para abordar a crítica situación do corpo de bombeiros de Ourense. A denuncia prodúcese tras un incendio ocorrido o pasado sábado no barrio da Ponte, onde se puxo de manifesto a escaseza de efectivos, con tan só sete bombeiros dispoñibles para atender calquera emerxencia en todo o termo municipal.
CCOO cualifica de "inaceptable" esta situación, que contradí os compromisos adquiridos en mesas de negociación onde se garantira un mínimo de once efectivos por quenda. O sindicato lamenta que, a pesar de que hai case un ano que se anunciou unha oferta de emprego público para incorporar 14 novos bombeiros, aínda non se iniciou o proceso selectivo.
O persoal leva demasiado tempo soportando promesas incumpridas mentres se agrava a precariedade operativa.
Ademais da falta de persoal, a representación sindical afeou o "incumprimento reiterado" no pago das horas extraordinarias. Segundo CCOO, seguen existindo cantidades pendentes correspondentes aos anos 2024, 2025 e ás realizadas durante 2026, o que xera "falta de transparencia, ausencia de información oficial e inexistencia de respostas claras" por parte do Concello.
Por estes motivos, CCOO presentou unha solicitude formal de reunión urxente co xefe do servizo, a Concellería de Seguridade Cidadá, a Dirección de Recursos Humanos e o Departamento de Riscos Laborais. O obxectivo é clarificar a planificación real do servizo, coñecer as medidas para garantir dotacións seguras e establecer prazos para o fin dos incumprimentos laborais.




