O BNG rexistrará hoxe unha reclamación formal co obxectivo de impugnar o proxecto de Presupostos do Concello de Ourense para o exercicio 2026. A formación nacionalista, cuxo portavoz municipal e candidato á alcaldía para 2027 é Luís Seara, considera que as contas aprobadas inicialmente a pasada semana presentan un "defecto de forma e fondo insalvable" que debe levar ao pleno a rexeitalas.
Segundo o documento que presentará o BNG, "non expediente do proxecto aprobado inicialmente, non figura en ningún caso o preceptivo informe elaborado pola Intervención Xeral". O partido subliña que este trámite é "absolutamente obrigatorio" antes de elevar o proxecto ao pleno e resulta "de vital importancia á hora de poder avaliar o proxecto no seu conxunto desde o punto de vista da legalidade vixente e do seu axuste á normativa económica e procedimental aplicable".
Na súa reclamación, o BNG advirte de que aprobar os presupostos "a cegas" podería impedir certificar a viabilidade económica e expor ao Concello ao risco de "incorrer na omisión do crédito necesario para o cumprimento de obrigacións esixibles ou mesmo por seren de manifesta insuficiencia os ingresos proxectados con relación aos gastos orzamentados". Como exemplo desta falta de fondos, o escrito sinala o contrato do servizo de transporte urbano, alertando de que as cantidades consignadas "non son dabondo para cubrir todas as necesidades do servizo".




