A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participou hoxe nos actos conmemorativos do Día Internacional das Persoas Xordas organizados pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG). Durante o evento, defendéronse os dereitos destas persoas e a necesidade de seguir avanzando na súa plena integración.
Neste contexto, Begoña Abeijón reiterou o compromiso do Goberno autonómico de continuar impulsando iniciativas que melloren o benestar e a calidade de vida das persoas xordas e das súas familias. Destacou a colaboración que a Xunta mantén desde hai anos con entidades como a FAXPG, considerada a federación de referencia neste ámbito.
A través da orde de axudas do 0,7% do IRPF e dun convenio específico, o Goberno galego financia servizos esenciais como logopedia, intérpretes de Lingua de Signos Española e formación. Tamén se apoian actuacións destinadas á mellora e mantemento de instalacións para este colectivo.
A directora xeral fixo fincapé en que esta colaboración contribúe a favorecer o desenvolvemento e a autonomía das persoas xordas, a eliminar as barreiras de comunicación ás que se enfrontan e a fortalecer o traballo do tecido asociativo en Galicia.




