A campaña, cofinanciada polo Plan Corresponsables da Xunta de Galicia e o Ministerio de Igualdade, busca pór en valor novas formas de masculinidade máis igualitarias e comprometidas coa igualdade real. O proxecto combina comunicación social, educación e acción cultural participativa cunha linguaxe próxima e accesible.
As actividades inclúen a produción audiovisual para visibilizar homes implicados nos coidados, accións formativas nos centros educativos de Ortigueira e a elaboración de materiais didácticos e recursos para traballar en contornos educativos, sociais e laborais. O enfoque diríxese á cidadanía en xeral e ás entidades colaboradoras.
O obxectivo principal é fomentar unha cultura da corresponsabilidade e das masculinidades igualitarias, poñendo o foco no rol coidador dos homes e na transformación dos roles de xénero.
A xornada de hoxe arranca no IES Ortigueira coa charla taller “Homes que coidan, masculinidades disidentes”, impartida polo profesor de filosofía Pepe Cabido, formador en igualdade e colaborador da UDC.




