O obxectivo principal destas actuacións, enmarcadas no Plan Hurbe e adxudicadas á empresa Alcomte Galicia, S.L., é a mellora paisaxística e da seguridade viaria neste espazo de paso do Camiño Inglés, situado en Sigüeiro. As obras beneficiarán tanto aos peregrinos que transitan pola ruta xacobea como á veciñanza local.
Os traballos incluirán a mellora do firme dos sendeiros, a renovación das pistas deportivas e do parque infantil, así como a dotación de nova iluminación e mobiliario urbano. Preténdese converter a contorna nun lugar máis accesible, seguro e agradable para camiñar, practicar deporte e desfrutar do tempo de lecer.
O financiamento das obras realízase a través dun convenio entre a Xunta e o Concello de Oroso. A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e a Axencia de Turismo de Galicia achegan o 80% do orzamento total, mentres que o concello asume o 20% restante.
A Xunta impulsa este tipo de proxectos co fin de mellorar as contornas urbanas e os equipamentos públicos, contribuíndo á conservación do patrimonio, ao embelecemento dos pobos e á creación de lugares máis atractivos para vivir e emprender. Ademais, búscase reforzar a competitividade económica a través do turismo, o comercio e a hostalaría.




