O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe da aprobación do Proxecto de lei de loita contra os incendios forestais de Galicia polo Consello da Xunta. O texto legal será enviado ao Parlamento para o seu debate e aprobación, prevista para os primeiros meses do vindeiro ano. Esta nova normativa busca pasar dun modelo de defensa reactiva a outro de loita integral e xestión estratéxica do territorio.
A lei introduce novos conceptos como a interface urbano-forestal, definida como terreo urbano, de núcleo rural ou urbanizable con cuberta vexetal, estremeiro co monte. Nestas zonas, a xestión da biomasa e a retirada de especies convértese nunha obriga legal directa. Tamén se esixe que as novas instalacións industriais e gasolineiras en terreos agroforestais ou na interface urbano-forestal dispoñan dunha rede perimetral de hidrantes para a súa autoprotección.
Ademais, foméntanse instrumentos como as paisaxes mosaico ou cortalumes. As primeiras buscan crear descontinuidades estratéxicas de combustible mediante a configuración produtiva do territorio, mentres que os segundos establecen áreas delimitadas en puntos estratéxicos para frear grandes incendios. Tamén se abre a posibilidade de duplicar as distancias de xestión de biomasa en zonas estratéxicas.
Outras medidas destacadas inclúen dotar os axentes da potestade de ditar ordes verbais de execución inmediata sobre o terreo, como o desaloxo de áreas recreativas ou o peche de camiños ante un perigo inminente. A época de perigo alto de lumes amplíase en 30 días, abarcando agora entre o 16 de xuño e o 15 de outubro.
A normativa tamén reforza a protección estratéxica de puntos de vixilancia e auga, declarando a rede de puntos de auga como infraestrutura de seguridade pública estratéxica. Prohíbese ademais calquera construción ou plantación nun radio de 50 metros ao redor dos postos de vixilancia do lume.
O proxecto baséase en cinco premisas: planificación do risco, xestión da paisaxe, xestión forestal preventiva, protección de persoas e infraestruturas, e execución efectiva. O obxectivo é establecer un sistema preventivo vinculado ao territorio e á poboación, fomentar a agricultura e xestión forestal, e potenciar a autoprotección na interface urbano-forestal.




