A proba, que ten documentado o seu desenvolvemento dende o ano 1919, tivo lugar na ponte sobre o río Ulla e atraeu a centos de persoas que gozaron dunha das citas máis singulares das festas padronesas. Homes e mulleres atrevéronse a desafiar a gravidade e a vara esvaradiza para facerse coa ansiada bandeira sen caer á auga.
Gontad foi o primeiro en atrapar o pano vermello, desatando os aplausos dun público entregado. No segundo e terceiro posto quedaron Fidel Buceta (Fidel da Ponte), tamén veciño da zona e presidente da comisión de festas, e Roberto Rial, respectivamente.
O Concello de Padrón felicitou aos tres vencedores e a todos os participantes, así como aos organizadores, por manter viva unha tradición que forma parte da identidade do municipio. Esta edición destacou pola alta participación, con 60 persoas, maioritariamente xente nova, e un crecente número de mulleres animándose a participar.
A cita contou coa presenza do alcalde, Anxo Arca; a concelleira de Festas, Chus Campos; e o concelleiro de Deportes, Luis Mariño, quen seguiron desde as bancadas habilitadas polo Concello unha tarde chea de emoción, risas e caídas á auga.




