A Consellería do Medio Rural informou da estabilización do lume ás 10.56 horas, o que permitiu tamén a desactivación da situación 2 de emerxencia que se decretara pola proximidade das lapas ás vivendas.
A situación 2 permanecía activa desde o sábado como medida preventiva ante o risco que supuña o avance do incendio para os núcleos de Cruxeiras de Abaixo e Sobrerribas.
O lume, que se orixinou o venres ás 16.01 horas, estendeuse tamén ao concello veciño de Teo e obrigou a realizar desaloxos preventivos durante unha fin de semana marcada polas altas temperaturas e as complexas condicións para o control das lapas.
Para combater o incendio mobilizouse un amplo dispositivo que incluíu sete técnicos, 70 axentes, 102 brigadas, 73 motobombas, cinco pas, nove unidades técnicas de apoio, oito helicópteros e sete avións.
A pesar da estabilización, os equipos de extinción continuarán traballando na zona para consolidar o perímetro e previr posibles reactivacións, especialmente ante o contexto meteorolóxico actual.
A evolución favorable da situación alivia a preocupación dos veciños afectados, aínda que as labores de vixilancia e control proseguirán ata garantir a completa seguridade da área.




