A iniciativa municipal, cuxo prazo de solicitude remata o vindeiro 15 de outubro, busca facilitar o apoio a persoas dependentes, con discapacidade ou en situación de necesidade. Para iso, contempla tres modalidades principais: 'Respiro no fogar', para financiar atención puntual no domicilio; 'Respiro en centro de día', para gastos en centros autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia; e 'Respiro en residencia', para estancias temporais en centros residenciais.
As contías das axudas poden alcanzar o 100% do custo das actuacións. Para as modalidades de fogar e centro de día, o máximo é de 1.000 euros por beneficiario e ano. No caso de 'Respiro en residencia', a subvención pode chegar ata os 1.500 euros anuais por persoa.
Os gastos subvencionables corresponden aos servizos e actuacións desenvolvidos entre o 1 de xaneiro e o 21 de novembro do presente ano. O prazo para xustificar devanditos gastos finalizará o 1 de decembro. Para obter máis información ou solicitar cita previa, os interesados poden contactar co departamento de Servizos Sociais do Concello ou chamar ao teléfono 981 802 466.




