A responsable autonómica, acompañada polo secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, puxo en valor a traxectoria de máis de 50 anos do grupo empresarial con sede no concello coruñés. Destacou a presenza de Cortizo en numerosas obras de vivenda pública promovidas pola Xunta de Galicia, a través do deseño, fabricación e distribución de sistemas de aluminio para arquitectura.
Allegue subliñou a aposta da firma pola progresiva incorporación de sistemas de construción industrializada, unha liña que a Xunta está a impulsar activamente. Lembrou que actualmente máis dun milleiro de vivendas públicas en execución na comunidade galega xa empregan estas técnicas, e a Administración autonómica está a primar o seu uso nas licitacións públicas.
“"O sector da construción estase a modernizar, froito do traballo, da investigación das nosas empresas que cada ano innovan e apostan por unha construción máis rápida, de máis calidade e máis sustentable. É un sinal de identidade máis da nosa Galicia Calidade."
A conselleira tamén fixo referencia ao convenio asinado entre a Administración autonómica e a Fundación Galicia Constrúe para promover estas técnicas construtivas, que ofrecen vantaxes como a redución de tempos de execución, xa que elementos como fachadas ou ventás veñen xa preparados de fábrica. Ademais, estas metodoloxías permiten "innovar e mesmo ser máis sostibles", segundo indicou.
No marco deste convenio, a Xunta desenvolve un plan de acción que inclúe un mapa de capacidades para identificar empresas galegas que utilizan construción industrializada. Galicia destaca no uso de elementos como prefabricados de formigón, estruturas metálicas, modulares ou madeira estrutural.




