O uso da intelixencia artificial (IA) experimentou un notable crecemento en Galicia durante o último ano, afectando a todos os segmentos empresariais. Nas empresas de 10 ou máis traballadores con sede e/ou actividade na comunidade, o incremento foi do 56,5%, o que significa que o 20,5% destas empresas xa empregan esta tecnoloxía. No caso das microempresas, o aumento foi aínda máis pronunciado, cun 84,9% de crecemento, situando a adopción da IA no 9,8%.
Estes datos despréndense do informe Galicia. A economía en dixital. A Sociedade da Información nas empresas de Galicia, edición 2025, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O informe tamén reflicte unha evolución positiva na contratación de servizos de Cloud Computing. Nas empresas de 10 ou máis traballadores, esta porcentaxe acadou o 45,7%, superando o 36,1% rexistrado en 2024 e tamén a media estatal do 44,3%. Nas microempresas, o crecemento foi do 62,2%, chegando ao 9,9%.
Ademais, o 42,4% das empresas de maior tamaño en Galicia realiza analítica de datos co seu propio persoal, cun incremento anual do 23,3%. Os datos sobre transaccións e clientes son os máis analizados neste ámbito.
O comercio electrónico consolídase como unha canle empresarial clave. O 27% das empresas de 10 ou máis traballadores galegas vende por Internet, un lixeiro aumento respecto ao ano anterior e por riba da media estatal (26,6%). As vendas a través de páxinas web ou aplicacións propias concentran o 89,8% das operacións en liña destas empresas.
En canto ao talento dixital, unha de cada cinco empresas de 10 ou máis traballadores conta con especialistas TIC. Destaca que o 52,5% destes perfís son mulleres, unha proporción significativamente superior á media estatal (38,7%). O teletraballo mantense implantado no 39,1% destas empresas, tamén por riba da media española (37,4%), co 24,4% do persoal teletraballando regularmente.
O informe tamén aborda o uso de solucións TIC para a sustentabilidade. O 82% das empresas de 10 ou máis traballadores recicla equipamentos TIC, mentres que o 28,1% emprega TIC para reducir o consumo enerxético e o 21,2% para diminuír o uso de materiais ou fomentar os reciclados.
En termos de investimento en tecnoloxía, a ciberseguridade acapara as maiores partidas. As empresas de maior tamaño destinaron máis de 669 millóns de euros á seguridade TIC e 70,6 millóns a sistemas de intelixencia artificial. Nas microempresas, o gasto en seguridade TIC achegouse aos 47,4 millóns e en IA a 2,3 millóns.




