Os Polos de Silleda, O Porriño e Vilanova de Arousa foron clave na posta en marcha destas iniciativas empresariais. O traballo dos equipos técnicos nestes espazos permitiu realizar máis de 5.000 titorías na provincia, ofrecendo asesoramento individualizado, gratuíto e tanto presencial como en liña.
Destaca a forte presenza feminina, xa que preto do 60% dos proxectos asesorados están impulsados por mulleres. Os sectores con maior peso son o comercio (15%), os servizos (13%) e as actividades artísticas, recreativas e de entretemento (11%).
A Rede tamén presta atención específica ás situacións de remuda de negocios, facilitando a continuidade de empresas xa consolidadas. Estas iniciativas representan o 6% dos proxectos atendidos e buscan preservar actividade económica e emprego.
Para apoiar estes procesos, a Xunta mantén aberta ata o 30 de setembro a convocatoria do Bono remuda, cun orzamento de 1,5 millóns de euros.
Ademais do asesoramento, os Polos organizaron preto de 400 actividades en Pontevedra desde a súa creación, impulsando encontros, formación e eventos para favorecer a colaboración empresarial.
A Rede de polos forma parte da aposta estratéxica do Goberno galego por iniciativas que contribúan á innovación e á vertebración do territorio. Actualmente, conta con 15 oficinas activas en toda Galicia, e desde o seu inicio atendeu máis de 7.100 experiencias de emprendemento a nivel autonómico, cun total de máis de 22.300 titorías e 2.800 actividades.




