A decisión, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), inclúe municipios como Sanxenxo, Baiona, Cangas, O Grove, A Guarda, Marín, Nigrán, Soutomaior, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Arteixo, Cabanas, A Coruña, Dumbría, Miño, Oleiros, O Porto do Son e Valdoviño. Estes concellos encargarase da xestión de servizos como a instalación de terrazas, establecementos expendedores de comidas e bebidas (chiringuitos) ou o alugueiro de equipamentos de praia.
A campaña de 2027 será máis longa ao coincidir a Semana Santa en marzo, polo que os servizos estenderanse dende o 19 de marzo ata o 31 de outubro. Esta iniciativa é posible tras o traspaso de funcións á comunidade autónoma, que por segundo ano asume a tramitación directa das peticións dos concellos interesados na explotación de servizos de tempada en zona de dominio público marítimo-terrestre.
Ademais, o conselleiro informou que este luns, 16 de novembro, ás 12.00 horas, abrirase o prazo para que persoas físicas e xurídicas presenten as súas solicitudes para a explotación destes servizos de tempada no resto dos concellos. Dende o pasado 1 de outubro e ata o 31 de decembro tamén está aberto o prazo para que particulares ou entidades soliciten a explotación de servizos na zona de servidume de protección.
Nicolás Vázquez destacou que o Goberno galego avanza nun novo modelo de xestión do litoral, buscando a planificación, a homoxeneidade de criterios e a seguridade xurídica. En 2026 tramitáronse máis de 900 autorizacións de servizos de tempada.




