A responsable autonómica, Marta Villaverde, quixo render homenaxe tanto aos mariñeiros que traballan na baixura como aos que o fan en caladoiros afastados, ademais de ter unha lembranza especial para as persoas falecidas vinculadas ao mar e as súas familias.
Tras o acto relixioso, a conselleira participou nun encontro social na sede da Confraría de Cambados cos representantes do sector, onde subliñou a actividade pesqueira como estratéxica para Galicia.
Villaverde tamén aproveitou a súa visita á localidade pontevedresa para coñecer a carpa da XXII Festa de exaltación da vieira. Esta celebración, declarada de Interese Turístico de Galicia e impulsada pola propia confraría, pon en valor a gastronomía galega a través dun marisco emblemático das Rías Baixas.
A conselleira destacou esta festa como unha oportunidade para gozar de Galicia a través de todos os sentidos, promocionando produtos locais e exclusivos deste concello. O porto de Tragove é o único punto de venda autorizado para a comercialización da vieira.
Esta celebración, que conta co apoio da Consellería do Mar, congrega anualmente a máis de 50.000 visitantes e as previsións para este ano apuntan a superar as cifras de edicións anteriores, coincidindo cos actos da festividade do Carme.




