Esta axuda enmárcase no Plan +Provincia, que destina a Vilagarcía de Arousa un total de 2,6 millóns de euros, sumando as catro liñas de 2026 e o adianto da liña de investimentos de 2027. A actuación será financiada integramente pola Deputación de Pontevedra.
O obxectivo é dar solución ás demandas veciñais de maior seguridade viaria debido ao exceso de velocidade dos vehículos. Instalaranse medidas de calmado de tráfico nas rúas San Marín e A Lagoa, no lugar do Piñeiro (en Sobrán); na rúa Progreso (na Torre); na rúa Perrón (en Rubiáns); na rúa Veiga de Aldea (en Cea); e nas rúas Concha, Alejandro Cerecedo, Duque de Terranova e Manuel Antonio.
Implantaranse redutores de velocidade tipo “lombo de asno” e pasos peonís elevados. Tamén se instalará sinalización horizontal e vertical preceptiva. Na rúa Alejandro Cerecedo, demolerase un paso de peóns elevado deteriorado para executar o novo, mentres que na rúa Manuel Antonio se demolerán as beirarrúas para a súa posta en rasante co novo paso.




