A actividade, organizada polo organismo provincial, ten como obxectivo achegar á cidadanía a riqueza natural deste enclave e dar a coñecer o traballo de conservación desenvolvido no marco do proxecto europeo Biocosteiro.
A visita estará guiada por persoal de SEO/BirdLife e combinará a interpretación ambiental do territorio coa observación de aves. Os participantes poderán coñecer mellor un dos espazos naturais máis destacados da provincia, con poboacións de aves migratorias, así como as súas ameazas e as actuacións de conservación.
Esta iniciativa enmárcase no proxecto Biocosteiro, impulsado pola Deputación de Pontevedra coa colaboración de SEO/Birdlife e Viana de Castelo (Portugal), ao abeiro do programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027. O proxecto busca traballar na conservación e posta en valor da franxa marítimo-terrestre transfronteiriza, fronte a desafíos como a transformación dos ecosistemas ou a expansión de especies invasoras.
Coa visita ao Complexo Intermareal Umia-O Grove, a Deputación pecha as actividades do proxecto Biocosteiro, buscando favorecer unha maior sensibilización sobre a conservación destes espazos e a protección dos seus valores naturais.




