As revisións realizadas esta semana confirman o bo estado xeral das viñas na provincia de Pontevedra, o que augura unha colleita moi abundante e que podería comezar antes da última semana de agosto, se as condicións meteorolóxicas se manteñen. As escasas precipitacións apenas alteraron a sanidade das plantas.
A elevada humidade e as temperaturas suaves favoreceron a aparición dalgunhas manchas de mildio en follas novas con pouca ventilación ou en plantas sen tratamento. Non obstante, non se prevén problemas importantes na maduración da uva, xa que a maioría das cepas conservan suficiente superficie foliar para a fotosíntese e a acumulación de azucres. Para plantas debilitadas, recoméndase observar e valorar tratamentos con produtos naturais autorizados.
A incidencia do oídio é moi reducida, agás en plantas sen tratar. Aínda así, as condicións ambientais seguen sendo compatibles co seu desenvolvemento, polo que se aconsella continuar coas labores de esfolla e manexo da vexetación para favorecer a ventilación e a entrada de luz nos acios.
A situación da botrite tamén é favorable, cunha presenza puntual. A combinación de temperaturas elevadas e humidade fai necesario manter a vixilancia e as prácticas culturais que favorezan a circulación do aire arredor dos acios. Existen produtos naturais autorizados para limitar o seu desenvolvemento.
En canto á flavescencia dourada, a recomendación é reforzar as medidas preventivas para reducir o insecto vector, Scaphoideus titanus, mediante trampas amarelas. É fundamental eliminar e destruír as cepas afectadas ou sospeitosas, especialmente nas zonas demarcadas, para evitar a propagación.
As capturas de Lobesia botrana mantivéronse baixas, sen danos significativos previstos. Detectáronse tamén síntomas illados de trips, sen incidencia relevante, e continúan presentes a acariose e a erinose, sen cambios significativos.
No caso do buxo, observáronse danos importantes pola bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis) en plantas sen tratamento. A Deputación lembra que esta praga pode causar a morte das plantas e recomenda vixilancia, especialmente en plantas debilitadas.




