A conselleira do Mar, Marta Villaverde, pronunciou o pregón inaugural da XXVIII Festa do Mexillón na localidade de Moaña, na provincia de Pontevedra. Durante a súa intervención, a responsable autonómica subliñou o forte vínculo entre a vila e a actividade marítima, afirmando que "dicir Moaña é pensar inmediatamente no mar, nun mar que leva séculos alimentando familias, creando riqueza con moito esforzo e escribindo historias de valentía".
Villaverde lembrou a confluencia na vila de diversas actividades como a pesca, o marisqueo, a acuicultura, a industria transformadora e os estaleiros, conformando unha cadea mar-industria de referencia. Dirixiuse cun recoñecemento especial ás bateeiras e bateeiros, destacando que "detrás de cada mexillón que chega á nosa mesa hai moitas mans curtidas polo salitre, mans que saben agardar e que nunca lle perderon o respecto ao mar".
A titular de Mar tamén fixo fincapé no papel pioneiro de Moaña no desenvolvemento da miticultura galega, que na actualidade conta con "máis de 3.300 bateas debuxan as nosas rías".
A conselleira agradeceu a invitación á Asociación de Mulleres de Moaña, entidade organizadora do evento, e louvou o esforzo solidario e a constancia das súas integrantes para manter viva unha das citas gastronómicas e populares máis importantes da comarca.
Tras o pregón, o patio do CEIP Reibón acolleu unha degustación do bivalvo en diferentes preparacións (ao vapor, en escabeche ou en salsa de vieira), co obxectivo de superar o récord de consumo de cinco toneladas e recadar fondos para a programación social e cultural da asociación.




