A cidade da Coruña sumouse hoxe á Semana Europea da Mobilidade (SEM 2026) coa apertura na praza de Tabacos dunha edición que busca promover unha mobilidade máis sostible, segura e accesible. Ata o vindeiro martes 22, a cidade acollerá unha variada programación de actividades educativas, divulgativas, deportivas e culturais dirixidas a todos os públicos.
"Para A Coruña a mobilidade non é cousa dunha semana. É o modelo de cidade polo que levamos anos traballando", sinalou a alcaldesa, Inés Rey, quen destacou a natureza compacta da cidade, de 37,5 quilómetros cadrados, onde moitos desprazamentos poden realizarse a pé, en bicicleta ou en transporte público. Rey fixo fincapé na transformación urbana iniciada en 2019, coa recuperación de espazo público, a mellora de itinerarios peonís e a ampliación de alternativas ao vehículo privado.
A praza de Tabacos será o epicentro da SEM 2026, albergando espazos informativos e propostas sobre mobilidade, seguridade viaria e medio ambiente. Participarán servizos municipais como Mobilidade, Medio Ambiente e Seguridade Cidadá, xunto con BiciCoruña, Tranvías Coruña e empresas como Eptisa e Aluvisa.
A programación inclúe actividades de educación viaria e ambiental, rutas escolares e abertas, visitas ao CIMoB, circuítos de habilidades e propostas sobre accesibilidade. A AMI-Asociación Montañeiros Independentes organizará marchas nórdicas, mentres que Stop Accidentes impartirá obradoiros de chapas e campañas peonís.
Destacan tamén xornadas sobre mobilidade e coidados como "Mobilidades invisibles" organizada por Mobi-Liza no MUNCYT, roteiros en bicicleta, un paseo veciñal pola rolda Peonil, actividades de accesibilidade con GRUMICO e propostas de Galicia Rollers e VMP Coruña.
A cultura tamén terá presenza coas proxeccións de cinema ao aire libre de "El 47" e "E.T. El extraterrestre". O venres celebrarase a Friday Mobility Night de Galicia Rollers.
A Semana concluirá o martes 22, Día sen Coches, co corte do tráfico na rúa Concepción Arenal entre as 17.00 e as 20.00 horas, convertendo a calzada nun espazo para a cidadanía con educación viaria, patinaxe e música coa Coral Polifónica El Eco.
A alcaldesa agradeceu o traballo dos servizos municipais e a colaboración de entidades como AMI, Mobi-Liza, Stop Accidentes, Galicia Rollers, VMP Coruña, GRUMICO, Termaria, a Federación de Asociacións Veciñais, A.C. Donaire, a Coral Polifónica El Eco e a Xefatura Provincial de Tráfico.
A Coruña supera xa os 57 quilómetros de rede ciclable, sete máis ca en 2023. O servizo BiciCoruña conta con 856 bicicletas, 85 estacións e 19.116 persoas usuarias. Só entre xaneiro e agosto deste ano rexistráronse máis de 1,9 millóns de usos, 100.000 máis ca en todo 2025, cifras récord que demostran a resposta cidadá cando se ofrecen alternativas cómodas e útiles.
Os sistemas de medición rexistran medias diarias de 931 bicicletas na praza de Ourense, 867 na avenida da Habana e 535 en Ramón y Cajal. En canto á mobilidade peonil, destacan 22.964 persoas diarias na rúa Compostela, 15.571 en San Andrés e 14.243 en Alcalde Marchesi.
A estación de BiciCoruña na praza de Tabacos, a cuarta con máis usos, foi ampliada para pasar de 12 a 25 bicicletas, duplicando a súa capacidade para responder ao incremento de usuarios. Só este ano, nesta praza comezaron ou remataron 107.700 viaxes.
Como exemplo das actuacións municipais, mencionouse o novo paso de peóns na intersección entre Modesta Goicouría e a praza de Pontevedra, o primeiro da cidade con bandas led no chan para reforzar a seguridade, especialmente para os estudantes dos institutos próximos.




