O Concello de Marín quixo render tributo aos homes e mulleres que fixeron do mar a súa profesión e identidade, recuperando un espazo significativo para a cidadanía. A placa, cuxo deseño foi consensuado coa Asociación Museo do Mar de Marín, chegou á localidade este xoves.
A empresa encargada da humanización da dársena foi a responsable da súa colocación. Tras valorar varias opcións coa entidade museística, decidiuse situar a placa no parterre axardinado central, aproveitando o mar e o ceo como pano de fondo.
A inscrición reza: "Na honra dos homes e mulleres que adicaron a súa vida ao mar. Dos que a sacrificaron lonxe do fogar. Das que cosían redes en terra, carrexaban nas lonxas e atendían dos fillos e fillas. Dos que deixaron a vida nos naufraxios. De todas as persoas que co seu traballo construíron o Marín que somos".
A placa inclúe tamén unha imaxe de barcas de pesca típicas, baseada nunha fotografía de arquivo do Museo do Mar. Xunto coas letras corpóreas do Auditorio, este novo elemento busca ser un atractivo visual para visitantes e veciños.




