O Concello de Cedeira, a través da Concellería de Cultura, destinou preto de 8.000 euros (exactamente 7.973,90€) á renovación do chan de madeira do escenario do Auditorio Municipal. A obra está a ser executada pola empresa local Muebles e Carpintería García. O goberno municipal considerou necesaria esta actuación debido ao desgaste que presenta o solo polo uso intensivo ao longo de todo o ano.
O Auditorio Municipal é un dos principais focos da vida cultural en Cedeira. Este espazo acolle de forma habitual diversas actividades organizadas polas asociacións locais, festivais, representacións teatrais, concertos, proxeccións de cine, presentacións de libros e espectáculos para todos os públicos. Ademais, cada verán celébrase un festival de ópera. Esta actividade constante é a causa do desgaste das instalacións.
A previsión é que os traballos de renovación queden rematados durante o mes de outubro. Desta forma, o auditorio estará en condicións óptimas para afrontar unha nova tempada cultural na vila, garantindo un espazo adecuado para que as asociacións e a veciñanza poidan desenvolver e gozar da cultura.




