O tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo para a Policía Local quedou constituído onte, despois de que o seu nomeamento fose publicado no Diario Oficial de Galicia. A listaxe de persoas admitidas tamén se fixo pública esta semana na web da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).
A oposición libre constará de cinco exercicios. O primeiro, previsto para finais deste mes, será un test de coñecemento de 100 preguntas sobre o temario publicado. Este exercicio realizarase conxuntamente coa proba de coñecemento do idioma galego para aqueles aspirantes que non estean exentos. A web da Agasp especifica quen está exento por contar cun certificado de Celga 4 ou equivalente.
Posteriormente, realizaranse probas de aptitude física (velocidade, potencia de tren superior e inferior, resistencia xeral e natación) para as 300 persoas aspirantes con mellor cualificación na proba de coñecementos. Tamén haberá probas psicotécnicas (intelixencia, personalidade e entrevista persoal) e recoñecemento médico.
Unha vez finalizado todo o proceso, os aspirantes admitidos deberán completar un curso selectivo na Agasp para formar parte da nova promoción de Policía Local.
A convocatoria actual inclúe un total de 105 prazas distribuídas entre 31 concellos galegos: A Coruña, A Guarda, A Illa de Arousa, A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Ares, Arzúa, Boiro, Cedeira, Culleredo, Fene, Ferrol, Lugo, Muxía, Nigrán, O Barco de Valdeorras, Oleiros, Ortigueira, Ourense, Padrón, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Sada, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Tui, Verín e Vigo.
Dende 2018, a Xunta, a través da Agasp, centraliza os procesos selectivos unitarios para o persoal de Policía Local. Grazas a convenios cos concellos que ceden esta competencia, xa se seleccionaron máis dun milleiro de policías galegos. Dos 126 municipios galegos con corpo de Policía Local, 92 deles, incluídas as sete cidades, encomendan á Academia a selección dos seus axentes, o que representa máis do 75%.
A Agasp consolídase como centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, non só preparando as novas promocións de Policía Local senón tamén ofrecendo accións formativas adaptadas á realidade do traballo diario e dos servizos de emerxencias.




