A vila de Bueu xa conta cunha sala dedicada aos restos romanos, en particular ás ánforas, que a converten na única da Península Ibérica con presenza dun forno destes materiais. Esta peza é clave para comprender a fabricación dos recipientes empregados na exportación de salgaduras por vía marítima.
A presentación da Sala do Bueu Romano de Pescadoira terá lugar este xoves, 3 de setembro , ás 20.00 horas na propia sala. O acto incluirá unha charla a cargo de Juan Castro , arqueólogo responsable da escavación, e Iria Pazos , arquitecta autora do proxecto.
O Concello , consciente da necesidade de recuperar a historia romana da vila, acometeu as obras de escavación e posta en valor dos restos atopados en Pescadoira . Estes traballos, que comezaron no 2022 cun orzamento de máis de 150.000 euros , contaron coa subvención da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia . A actuación completarase cunha segunda fase de cubrición dos restos, grazas á axuda da Deputación de Pontevedra .
Dende o mes de xullo organizáronse visitas diarias guiadas á sala, que tiveron unha gran acollida. Esta apertura provisional realizouse durante o verán, á espera da execución da segunda fase que permitirá a apertura total.
A intervención en Pescadoira recupera este patrimonio vinculado á historia mariñeira de Bueu , completando así a oferta museística da vila. A través dela, percorrerase cronoloxicamente a historia da pesca no municipio, dende a Sala de Interpretación do Bueu Romano ata lugares como a Salgadura de Mourisca , o Estaleiro de Purro ou o Museo Massó .




