Este proxecto, que se tramitará mediante a figura do Proxecto de Interese Autonómico (PIA), abranguerá unha superficie de 75.000 metros cadrados. A área delimitada atópase entre as avenidas de Cornilló e de Ourense, unha localización considerada estratéxica pola súa conexión con outros municipios da comarca do Morrazo.
A decisión xorde tras a presión da oposición no pleno de febreiro, que instou ao goberno local de Cangas a buscar solucións á escaseza de vivenda accesible. A conselleira María Martínez Allegue reuniuse coa alcaldesa Araceli Gestido e os edís de Urbanismo e Facenda para abordar a situación.
A tramitación dun PIA foi unha proposta do grupo municipal popular que contou co apoio unánime de todos os grupos políticos, incluídos os que conforman o tripartito local (BNG, PSdeG e IU). Este tipo de proxectos enmárcanse na Estratexia Galega de Solo Residencial da Xunta, que busca facilitar a construción de 25.000 vivendas en Galicia, das cales 20.000 serán protexidas e 5.000 libres.
Este movemento demostra que o gran motivo do bloqueo que sofre o municipio é pola falta de xestión do Executivo local e non a Xunta de Galicia.
Para o grupo maioritario da corporación, esta iniciativa pon de manifesto a necesidade de xestión local. O pacto de goberno asinado o 16 de xuño de 2023 entre BNG, PSdeG e IU xa incluía o compromiso de "iniciar actuacións concretas para a consecución dun plan de vivenda social, especialmente orientado a aluguer", aínda que ata o momento non se deran pasos significativos nese sentido.




