O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou a aprobación da Xunta de Goberno á concesión destas axudas, que este ano ascenden a 600.000 euros. Esta cantidade distribúese entre 52 clubs de piragüismo, remo e vela que participan en competicións oficiais, catro entidades máis que o ano pasado. O incremento respecto á convocatoria anterior é de 50.000 euros, e de 100.000 euros se se compara coa de 2024.
Os clubs beneficiarios, localizados en 23 concellos da provincia, poderán competir en calquera ámbito territorial nas tres modalidades. En concreto, 28 clubs de piragüismo recibirán 335.000 euros, mentres que 13 clubs de remo obterán 160.000 euros e 12 clubs de vela disporán de 105.000 euros.
Rafa Domínguez destacou que un dos obxectivos do goberno provincial é "facer de Pontevedra a provincia do deporte con maiúsculas". Engadiu que esta inxección económica, que suma 600.000 euros, "seguimos demostrando unha semana máis que este é o goberno do apoio ao deporte, que estamos ao carón de todos os clubs de todas as modalidades".
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva, cunha contía máxima por club de 28.000 euros, sen superar o 40% do orzamento presentado. Os gastos subvencionables inclúen federativos, de competición e adestramento, de persoal, material deportivo ou sanitario.




