A xuntanza, promovida polo ente público, buscará afondar na situación desta nave e nas competencias de cada administración para dar resposta ás necesidades dos usuarios. Portos de Galicia lembra que o Concello de Cangas de Morrazo é o titular deste edificio a través dunha concesión administrativa e que foi a propia administración local a que anunciou unha actuación municipal para mellorar o seu estado.
Para este fin, o ente público tramitará os permisos para as obras en base ao proxecto que debe presentar o Concello, pero que este non ten remitido polo momento. En aras de axilizar unha resposta ás necesidades dos deportistas que desenvolven a súa actividade no peirao cangués, Portos de Galicia ratifica a súa vontade de colaboración institucional.
Por este motivo, o ente público promove unha reunión de traballo esta mesma semana e mostra a súa total disposición a estudar calquera proposta que presente o Concello.




