A actuación, que comezou este luns, consistiu na instalación dunha vintena de proxectores nos báculos de iluminación para reforzar estas zonas de alta circulación. O alcalde, Félix Juncal, destacou que o obxectivo é mellorar a visibilidade e a seguridade vial, xa que a iluminación anterior era deficitaria e estaba pendente dende hai anos.
Estes traballos enmárcanse no compromiso municipal de renovación de luminarias a tipo LED e a dotación de novos puntos de luz en zonas carentes deles. Hai dúas semanas, xa se iluminara a praza exterior da Piscina Municipal.
Proximamente, o consistorio tamén reforzará a iluminación na Praza do Concello e Praza Massó, con fondos do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra. Estas actuacións responden a demandas cidadás e do comercio local.




