O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá a nova oficina de emprego de Ponteareas. Estas instalacións foron reformadas o pasado ano cun investimento superior aos 400.000 euros.
Fernández destacou a aposta da Xunta por ofrecer á cidadanía unhas instalacións máis modernas e accesibles, así como por reforzar as políticas activas de emprego e formación. Sinalou que, ao longo do último curso, a administración autonómica destinou máis de 1,2 millóns de euros a Ponteareas a través de iniciativas clave para mellorar as oportunidades laborais, especialmente para desempregados e mozos.
Este investimento canalizouse mediante tres programas principais: os Obradoiros Duais de Emprego, os de Talento Mozo e as Accións Formativas para persoas desempregadas (AFD). Segundo o delegado, estas iniciativas proporcionan formación especializada, experiencia práctica e ferramentas para mellorar a empregabilidade, respondendo ás necesidades do tecido produtivo.
"Desde a Xunta seguimos apostando por políticas de emprego que combinen formación e experiencia e que permitan ás persoas ter máis oportunidades para acceder a un posto de traballo", afirmou Fernández. Engadiu que a renovación da oficina de emprego de Ponteareas é unha mostra do compromiso por prestar un servizo público "máis próximo, moderno e de calidade".




