A adquisición completa dos terreos marca un fito importante para o municipio, xa que agora a totalidade do solo requirido para o desenvolvemento desta actuación social pertence ao Concello. Este paso permite avanzar na tramitación necesaria para a execución do proxecto.
Actualmente, o Concello está á espera dun informe do Ministerio competente en materia de estradas, un trámite indispensable para continuar co desenvolvemento da obra. Mentres tanto, xa se iniciaron traballos e movementos de terra na zona para preparar o terreo onde se ubicará o novo equipamento.
A concelleira de Urbanismo, Silvia F. Táboas, destacou o complexo traballo técnico realizado, describíndoo como "un traballo de xestión parcela a parcela, que quizais non sempre é visible, pero que resulta imprescindible para poder executar despois os proxectos". Subliñou que ter os terreos dispoñibles permite superar unha das fases máis complicadas e avanzar cara á materialización do proxecto.
A alcaldesa, Nava Castro, resaltou que a compra dos terreos é un "paso decisivo" para facer realidade un proxecto "moi importante para Xinzo e para todo Ponteareas". Castro fixo fincapé no compromiso do goberno local de "seguir creando novos servizos públicos e, especialmente, recursos que melloren a atención e a calidade de vida das persoas maiores e das súas familias".
A rexedora tamén defendeu a importancia de levar investimentos ás parroquias, afirmando que "queremos un concello no que vivir na vila ou nunha parroquia non supoña ter máis ou menos oportunidades para acceder aos servizos". O Centro de Día de Xinzo encádrase neste modelo de "Ponteareas máis próximo, máis cohesionado e cunha atención social cada vez máis completa".
Este centro forma parte da estratexia municipal para ampliar os servizos ás persoas maiores e facilitar que permanezan na súa contorna. A actuación está integrada na planificación de investimentos do Concello, vinculada aos fondos europeos FEDER, co obxectivo de impulsar novos equipamentos e transformar o municipio.




