A localidade de Ponteareas prepárase para acoller unha cita destacada para os afeccionados aos xogos de estratexia: o II Campionato de Dominó por Parellas Concello de Ponteareas. O evento disputarase o sábado 12 de setembro a partir das 11:00 horas na Casa Cultural de Guláns, e espera converter o municipio no punto de encontro do dominó autonómico, congregando ás mellores parellas de Galicia.
O campionato seguirá o sistema suízo, cun total de 6 partidas (tres pola mañá e tres pola tarde). As parellas competirán para alcanzar os 300 puntos ou esgotar os 50 minutos estipulados por rolda. A organización, a cargo da Asociación Chantada Corazón de Galicia coa colaboración do Concello de Ponteareas, ofrece un atractivo cadro de premios que inclúe máis de 500 euros en dotacións económicas e trofeos, ademais dun galardón especial de 100 euros para a mellor parella da comarca do Condado-Paradanta.
O tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, subliñou o valor competitivo e o esforzo mental que require o dominó. "O dominó é moito máis ca un pasatempo, esixe concentración, compenetración absoluta coa parella e unha gran capacidade estratéxica", afirmou. Engadiu que dende o concello "seguimos apoiando todas as modalidades que promovan un estilo de vida activo, o respecto e a convivencia entre participantes de diferentes idades".
Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, expresou o orgullo da vila por apoiar iniciativas que fortalecen o tecido asociativo e as tradicións de lecer. "Este campionato é un claro exemplo de que Ponteareas aposta por un dinamismo que une identidade, veciñanza e cultura", sinalou. "Queremos que a Casa Cultural de Guláns sexa un punto de encontro onde a xente desfrute, comparta experiencias e manteña vivas estas disciplinas de mesa que forman parte da nosa vida social", concluíu a rexedora.
A inscrición está aberta cun prezo de 40 euros por xogador, tarifa que inclúe o xantar. As prazas son limitadas. Os interesados poden contactar cos coordinadores (Rafa, Moisés ou Ángel) nos teléfonos 615028909, 659517840 ou 665983115. Espérase que a xornada finalice arredor das 19:00 horas coa entrega de premios.




