O Servizo Galego de Saúde (Sergas) publicou hoxe no Portal de Contratos Públicos de Galicia a licitación para a contratación dos servizos de redacción do proxecto básico e de execución, así como a dirección de obra, para a construción do novo centro de saúde de Ponteareas. O importe desta licitación ascende a 641.587,26 euros.
O expediente establece un prazo dun mes e medio para a redacción do proxecto básico e dous meses para a redacción completa do proxecto básico e de execución. O servizo de dirección de obra estenderase ata a finalización dos traballos de construción. As empresas interesadas teñen ata o 25 de agosto para presentar as súas ofertas.
O obxectivo do Sergas é proporcionar aos veciños de Ponteareas un centro de saúde máis amplo e accesible, substituíndo o actual que, con máis de 35 anos, carece de espazo para futuras ampliacións de servizos sanitarios.
O novo centro erguerase nunha parcela cedida polo Concello de Ponteareas ao Sergas. Contará cunha superficie construída estimada de máis de 5.700 m2 e un orzamento de execución material de 8,6 millóns de euros.
Segundo o plan funcional elaborado polo Sergas, o centro de adultos disporá de 14 consultas de medicina de familia, outras tantas de enfermería, consulta de farmacia, sala de toma de mostras, sala de cirurxía menor e salas polivalentes. Tamén incluirá consultas de respiratorios, odontoloxía, hixiene dental e radioloxía.
A área pediátrica contará con catro consultas médicas, tres de enfermería, unha sala de respiratorio e unha sala de lactancia. Ademais, o edificio albergará o Punto de Atención Continuada (PAC), a base do 061, a Unidade de Saúde Mental e a Unidade de Conductas Adictivas.




