O programa, impulsado por Turismo de Galicia en colaboración con Renfe e o INORDE, contou este ano con 13 itinerarios e 33 saídas, desenvolvidas entre o 7 de marzo e o 3 de outubro. Ofertáronse 2.482 prazas, un 9,4% máis que na tempada anterior, e a ocupación medrou un 11%.
A programación de 2026 ofreceu diferentes xeitos de achegarse ao territorio galego, combinando a viaxe en tren con visitas guiadas e experiencias vinculadas á natureza, historia, cultura, gastronomía e enoturismo. A oferta incluíu rutas como a Ruta dos Faros, Ruta polos Pazos e Xardíns Históricos, e diversas Rutas do Viño (Ribeira Sacra, Valdeorras, Rías Baixas, Monterrei), ademais da Ruta dos Mosteiros, Ruta dos Queixos, Ruta das Mariñas, Ruta Experiencia MEGA e A Coruña de 1906, e a Ruta da Camelia en flor.
Destacaron pola súa alta demanda e ocupación completa a Ruta dos Viños do Ribeiro - Rías Baixas, a Ruta dos Faros, a Ruta do Viño da Ribeira Sacra (Río Sil e Río Miño) e a Ruta da Camelia en flor.
Esta diversidade permite descubrir destinos e recursos turísticos das catro provincias galegas, achegando os visitantes a enclaves naturais, patrimonio histórico e cultural, adegas, tradicións gastronómicas e espazos singulares. A distribución da programación ao longo do ano favorece a diversificación dos fluxos turísticos e a desestacionalización da actividade.
Desde a súa posta en marcha en 2013, o programa ampliou a súa oferta ata os 13 itinerarios actuais, combinando o atractivo da viaxe ferroviaria co descubrimento dos principais valores turísticos de Galicia.
O balance desta tempada reafirma o interese por un modelo de turismo experiencial que contribúe a dar visibilidade a destinos e recursos distribuídos por todo o territorio, favorecendo unha oferta turística máis diversa e accesible ao longo do ano.




