Axentes da xefatura da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) en Santiago de Compostela levaron a cabo neste mes de setembro dispositivos de prevención de consumo de alcohol por menores de idade nas festas do Nazareno na Pobra do Caramiñal e nas festas de Guadalupe en Rianxo. Como resultado destes operativos, os axentes levantaron cinco actas de infracción e identificaron 145 persoas.
O dispositivo na Pobra do Caramiñal desenvolveuse os días 19 e 21 de setembro. Realizáronse 18 inspeccións en establecementos e zonas de lecer frecuentadas por menores. Como resultado destas inspeccións, nas que se identificaron 56 persoas, os axentes levantaron catro actas de infracción por actuacións vencelladas á protección da saúde das persoas menores e á prevención de condutas aditivas.
No que respecta ao dispositivo das festas de Guadalupe en Rianxo, efectuáronse 24 inspeccións. Nestas, identificáronse 89 persoas e os axentes levantaron unha acta de infracción.
A actividade dos axentes céntrase principalmente en tarefas de inspección a locais e no control e vixilancia das zonas de ocio que adoitan frecuentar os menores de idade. Os obxectivos principais son garantir que os establecementos cumpran a normativa en materia de alcohol e tabaco, e, de forma moi especial, que os menores adopten pautas de conduta saudables, evitando o consumo destes produtos a idades temperás polas importantes repercusións que teñen para a saúde da mocidade.




