A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, rubricaron o acordo que permitirá executar as obras deste novo espazo, destinado ao benestar animal e á socialización dos cans. A Xunta achegará a totalidade do financiamento e a execución dos traballos, mentres que o Concello cederá os terreos e asumirá o mantemento posterior.
O futuro parque, que terá unha superficie de 1950 metros cadrados, contará con portas de dobre acceso, fontes de auga adaptadas, papeleiras con dispensadores de bolsas hixiénicas e bancos para os usuarios. Ademais, deseñarase como un espazo amplo para o paseo e a socialización dos animais, con vexetación, zonas de sombra, boa iluminación e unha área de xogo con obstáculos e ramplas para favorecer o exercicio.
A conselleira Ángeles Vázquez destacou a crecente importancia destas dotacións para a cidadanía, lembrando que en Ribeira hai 7.323 cans inscritos, o que supón unha media de 1,35 exemplares por cada 5 veciños. Sinalou que esta iniciativa, que xa se impulsou en grandes cidades galegas, esténdese agora a concellos de menor tamaño, como Ribeira, co mesmo compromiso co benestar animal.
Ribeira convértese así no sexto municipio galego en asinar un protocolo de colaboración coa Xunta neste eido, sumándose a Ferrol, Ourense, Pontevedra, Lugo e Oroso. A responsable autonómica tamén mencionou outras accións en materia de benestar animal, como a construción do Centro de Protección Animal de Galicia en Curtis e as liñas de axudas para concellos e particulares para o coidado e adopción de animais abandonados.




