O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria destas subvencións, que contan cunha dotación de 2.030.000 euros para a ARI dos Camiños de Santiago e de 800.000 euros para a Ribeira Sacra.
Os propietarios e comunidades de veciños interesados poderán presentar as súas solicitudes dende o vindeiro 31 de agosto ata o próximo 30 de setembro. O importe máximo destas axudas poderá acadar os 12.000 euros por vivenda rehabilitada e ata 30.000 euros no caso de construción en substitución doutra previamente demolida.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), é a encargada de xestionar estas axudas. No ámbito das dúas ARI, poderán solicitar as axudas as comunidades de persoas propietarias, agrupacións de comunidades, agrupacións de persoas propietarias e os propietarios ou usufrutuarios de edificios ou vivendas que cumpran os requisitos de cualificación definitiva das obras.
A contía das axudas non poderá superar o 50% do importe subvencionable da actuación. Este límite incrementarase ata o 75% se os ingresos da unidade de convivencia promotora da actuación e residente na vivenda son inferiores a 3 veces o IPREM ou cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite que na unidade de convivencia existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.




