A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a investir 50.000 euros na renovación integral do pavimento de madeira do pantalán para embarcacións pesqueiras e tradicionais do municipio coruñés de Ribeira. Os traballos, que se atopan en execución, inclúen tamén a mellora do pavimento da pasarela que dá acceso a este pantalán de descarga.
As obras consisten no desmonte do pavimento de madeira existente, formado por táboas e dormentes, e a súa posterior substitución por un novo pavimento tecnolóxico. Este novo material caracterízase pola súa maior durabilidade e resistencia ante condicións climatolóxicas adversas. A área de actuación abrangue un total de 374 metros cadrados de pavimentos. Durante a execución, facilitarase en todo momento o acceso dos usuarios ás súas embarcacións mediante a adopción das medidas precisas.
Con esta actuación, Portos de Galicia busca mellorar a seguridade do tránsito nestas instalacións flotantes, minimizando os riscos de esvarar ou de accidentes. Ademais, procederase á reposición das táboas que se atopen en mal estado debido ao deterioro natural do material polas condicións climatolóxicas severas e a acción do mar.
Estas obras no porto de Ribeira forman parte dun contrato global que abarca unha decena de portos autonómicos, cun importe total de 640.000 euros. A través deste plan, o ente público reforzará a resistencia das instalacións flotantes ante condicións adversas non só no porto ribeirense, senón tamén nos de Lorbé (Oleiros), Muxía, Muros, A Barquiña (Outes), A Pobra do Caramiñal, Carril (Vilagarcía), Vilanova de Arousa, O Grove e Baiona.




