O proxecto, recollido no Diario Oficial de Galicia, ten como obxectivo a reconversión dun espazo de uso industrial que na actualidade se atopa sen actividade. A parcela, situada nas proximidades do pazo de San Lourenzo, na parroquia de Santa Uxía de Ribeira, intégrase nunha contorna urbana consolidada.
A ordenación proposta contempla a construción dun bloque residencial en forma de L na zona norte, xunto ao pazo. Ademais, o plan reserva espazo para equipamento público no borde sueste e establece unha nova zona verde que servirá de transición entre as vivendas e a rúa Pero Meogo.
O informe ambiental estratéxico emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático conclúe que a actuación non xerará impactos significativos, sempre que se respecten as directrices sobre integración paisaxística, protección do patrimonio cultural e zonificación acústica.




