A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e a directora xerente do Instituto de Vivenda, Infraestruturas e Equipamento da Defensa (INVIED), María Ángeles Cano Díaz, presidiron este luns pola tarde unha comisión técnica no Concello de Marín. O encontro centrouse no estudo da situación actual do convenio que afecta a varias parcelas situadas na Barriada Virxe do Carme, propiedade do ente estatal.
O obxectivo da reunión, segundo expresou a alcaldesa, foi valorar a zona in situ, analizando as características das parcelas coas valoracións actuais e definindo obxectivos futuros a nivel urbanístico e de planificación de proxectos.
Tras estudar os expedientes, tanto o INVIED como o Concello traballan conxuntamente na actualización de documentación administrativa. Isto permitirá coordinar as necesidades de desenvolvemento propostas polo ente local nesta zona coas esixencias burocráticas do Instituto.
A alcaldesa informou de que o Concello foi beneficiario dunha nova senda financeira FEDER da Unión Europea con preto de 6 millóns de euros. Parte destes fondos destinaranse a un proxecto de rexeneración urbana na contorna da Barriada.
Proponse a creación dun corredor verde entre o barrio e a senda do Río Lameira, con pavimento permeable, mobiliario urbano e zonas de descanso. Tamén se buscará mellorar a accesibilidade e a conexión entre o barrio e o centro urbano, intervindo nas rúas Mestre Landín, Souto, Busto de Abaixo e Calzada.
Nos próximos días seguiranse dando pasos neste sentido. A alcaldesa agradeceu a boa disposición do INVIED para aliñarse cos obxectivos municipais e mellorar a área onde se enmarcan as parcelas do Instituto.




