O Concello de Porto do Son vén de anunciar o inicio do curso 2026/2027 da súa Ludoteca Municipal. As actividades darán comezo o xoves 28 de setembro e organizaranse en dúas quendas diferenciadas por idades.
A primeira quenda está dirixida á rapazada de 6 a 12 anos, que poderá asistir os luns, martes ou mércores en horario de 16:30 a 19:30 horas. A segunda quenda, para nenos e nenas de 3 a 5 anos, terá lugar os xoves ou venres, tamén de 16:30 a 19:30 horas.
As familias interesadas poderán formalizar a inscrición a partir do luns, 21 de setembro, e ata que se completen as prazas dispoñibles. Para ser usuario/a da ludoteca, será necesario que o pai/nai ou titor/a do menor entregue o formulario de inscrición debidamente cuberto e asinado no Rexistro municipal ou a través da sede electrónica do Concello.
As prazas serán outorgadas por orde de inscrición. O venres, 25 de setembro, publicarase a primeira relación de admitidos, que poderá consultarse na propia ludoteca. A partir desa data, as novas admisións serán xestionadas directamente dende a ludoteca.
Para máis información, os interesados poden dirixirse á propia ludoteca, chamar ao teléfono 981 767 589 ou contactar a través do correo electrónico omix@portodoson.gal.




