A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou hoxe a Feira Galega de Artesáns que se clausura en Boiro ás 15:00 horas. O evento, que comezou o pasado venres, reúne a 14 obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia.
Organizada pola Asociación Galega de Artesáns (AGA) co patrocinio da Xunta, a feira expón pezas de marroquinería, bixutería, vidro, traxe tradicional, complementos de moda, cerámica e encadernación. Participan obradoiros como Arlequina Diseño de Ribeira, Malas Herbas Artesanía de Pontecesures, e Joiasos de Ames, entre outros.
Esta feira forma parte dun calendario de 12 eventos de venda directa que se celebrarán en diferentes localidades galegas ata setembro, co obxectivo de achegar o produto artesán á sociedade, consolidar a marca Artesanía de Galicia e dinamizar a economía local.
Durante a visita, recordouse a posta en marcha dunha nova liña de axudas específica, dotada cun orzamento de 1 millón de euros, destinada a incentivar contratos formativos de aprendices en oficios tradicionais. Subvencionaranse contratos a xornada completa durante un mínimo de 12 meses en obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia, coa previsión de beneficiar a unhas 50 persoas. O prazo de solicitude está aberto ata o 30 de setembro ou ata esgotar o crédito.




