O proxecto, denominado Agadea Hábitat: O Saltiño, prevé un centro residencial con 39 prazas distribuídas en tres plantas. Segundo palabras da presidenta da entidade, Isabel Gey, "Será un centro aberto á comunidade, cunha ubicación urbana e accesible, a escasos 2 minutos do centro de saúde".
Para a construción deste centro, o Concello cedeu a Agadea un terreo municipal de 3.389 metros cadrados por un período de 50 anos, prorrogable outros 25. O investimento previsto ascende a 2.411.000 euros. A xestión do servizo correrá a cargo de persoal técnico especializado propio de Agadea, e requirirá a contratación duns 17 profesionais multidisciplinares.
O alcalde, José Ramón Romero, destacou que este centro responde a "unha das principais demandas e necesidades da veciñanza de Boiro". Trátase do primeiro centro residencial de persoas maiores do municipio, que se complementará co centro Agadea Hábitat que a entidade xa está a desenvolver en Praia Xardín, buscando completar un itinerario de atención integral para os maiores da localidade.




