Boiro terá a súa primeira residencia de maiores

O Concello cede un terreo municipal á asociación Agadea para construír un centro con 39 prazas.

Imaxe xenérica dun edificio moderno de granito con fiestras grandes, nunha contorna verde galega.
IA

Imaxe xenérica dun edificio moderno de granito con fiestras grandes, nunha contorna verde galega.

O Concello de Boiro e a Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzheimer (Agadea) asinaron un acordo para a cesión dunha finca municipal no lugar do Saltiño, onde a entidade sen ánimo de lucro construirá a primeira residencia para persoas maiores do municipio.

O proxecto, denominado Agadea Hábitat: O Saltiño, prevé un centro residencial con 39 prazas distribuídas en tres plantas. Segundo palabras da presidenta da entidade, Isabel Gey, "Será un centro aberto á comunidade, cunha ubicación urbana e accesible, a escasos 2 minutos do centro de saúde".
Para a construción deste centro, o Concello cedeu a Agadea un terreo municipal de 3.389 metros cadrados por un período de 50 anos, prorrogable outros 25. O investimento previsto ascende a 2.411.000 euros. A xestión do servizo correrá a cargo de persoal técnico especializado propio de Agadea, e requirirá a contratación duns 17 profesionais multidisciplinares.
O alcalde, José Ramón Romero, destacou que este centro responde a "unha das principais demandas e necesidades da veciñanza de Boiro". Trátase do primeiro centro residencial de persoas maiores do municipio, que se complementará co centro Agadea Hábitat que a entidade xa está a desenvolver en Praia Xardín, buscando completar un itinerario de atención integral para os maiores da localidade.