O líder socialista visitou Boiro para coñecer de primeira man tres iniciativas sociais impulsadas polo goberno local socialista, que consisten na rehabilitación de inmobles públicos que estaban sen uso.
Os proxectos inclúen unha iniciativa de vivenda para mocidade en situación de vulnerabilidade na Praia Xardín, un centro de día para persoas con alzhéimer e seis vivendas inclusivas de transición para persoas con discapacidade, ubicadas nas antigas casas dos mestres do CEIP Praia Xardín.
Neste contexto, Besteiro sinalou Boiro como «exemplo de facer política útil desde o municipalismo socialista», xa que se están a recuperar edificios públicos pechados durante anos para convertelos en vivendas, coidados e oportunidades para os máis necesitados.
O dirixente socialista criticou que mentres a Xunta do PP «segue sen dar resposta á emerxencia habitacional e ao envellecemento», concellos como Boiro «demostran que hai outra forma de gobernar, máis preto da xente e comprometida co benestar».
Durante a visita ás antigas casas dos mestres, Besteiro e o alcalde, Martiño Romero, abordaron o proxecto Agadea Hábitat. Este proxecto, froito dun convenio entre o Concello de Boiro e a Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer (Agadea), habilitará un centro de día con 26 prazas, que ofrecerá servizos de atención sanitaria, atención no fogar e fisioterapia nun espazo de 500 metros cadrados.
O alcalde subliñou o seu «compromiso de que ningún edificio público permaneza pechado mentres haxa veciños e veciñas que necesiten coidados, vivenda ou apoio para vivir con dignidade».




