O acordo permitirá a renovación integral dos recursos tecnolóxicos e de rehabilitación que a organización ofrece diariamente. Esta inxección económica ten como obxectivo principal potenciar a autonomía e a calidade de vida das persoas usuarias a través de sistemas máis eficientes e personalizados.
A actuación inclúe o equipamento do Fogar Amicos, un servizo de apoio residencial que funciona de xeito ininterrompido. Entre as melloras destacan a incorporación de camas articuladas, grúas e tecnoloxía especializada para as áreas de fisioterapia, como equipos de magnetoterapia e plataformas de adestramento cognitivo-motor.
Ademais, o plan contempla a transformación dixital da entidade, reforzando as infraestruturas tecnolóxicas e dotando aos profesionais de novas ferramentas de xestión. Tamén se actualizarán as salas de estimulación multisensorial para favorecer a regulación sensorial e a participación activa das persoas atendidas.




